Friday 03 de May de 2024

Inés Rey: “O Goberno municipal é consciente da importancia da natureza e a auga para facer fronte ao cambio climático”


A alcaldesa, que presidiu hoxe o acto de entrega dos III Premios Cátedra Emalcsa-UDC, puxo en valor os avances en investigación que promoven, de forma conxunta, a Universidade da Coruña e Emalcsa

A alcaldesa da Coruña e presidenta de Emalcsa, Inés Rey, presidiu esta mañá o acto de entrega dos premios Cátedra Emalcsa-UDC, unha iniciativa que naceu co obxectivo de promover a investigación e a transferencia de coñecementos no eido dos sistemas de auga urbana, con vistas ao desenvolvemento dunha estratexia para a xestión sostible da auga.

Na terceira edición dos galardóns, dirixidos ao estudantado ou titulados de mestrado que presentasen o seu traballo de fin de máster (TFM) en titulacións da Universidade da Coruña no curso académico 2021/22, premiouse a Castor Eduardo Maduro-Malpica polo seu proxecto ‘Desenvolvemento e ensaios de campo dun mostrador pasivo de membrana metálica para a determinación de contaminantes orgánicos en augas superficiais e residuais’. Ademais, Carlos Leira Castro foi recoñecido cun accésit polo seu traballo ‘Integración de sensores con distintas tecnoloxías de comunicación loT para a maqueta MEDUSA’.

Na súa intervención, Inés Rey lembrou a importancia de “coidar os nosos recursos cunha perspectiva de futuro” e apuntou especificamente á cuestión da xestión sostible da auga:
“Neste aspecto, en termos de aforro ou eficiencia, podemos facer moito xa desde as nosas casas, tamén desde o tecido municipal e, por suposto, desde o conxunto do Estado, cunha estratexia de país, porque isto esixe da implicación de todas e todos”.

Neste sentido, a rexedora recalcou que “o Goberno municipal é consciente do importantes que son a natureza e a auga para facer fronte ás consecuencias do cambio climático”, e loou o traballo de investigación que se promove desde a UDC, co apoio de Emalcsa, promovendo iniciativas que garanten avances fronte ás fugas de augas, a microcontaminación e o tratamento de augas residuais.

No acto de entrega de premios, que tivo lugar hoxe na sede do Reitorado da Universidade da Coruña, na Mestranza, a alcaldesa estivo acompañada por Jaime Castiñeira de la Torre, director xeral de Emalcsa, Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC e por Moisés Canle López, director da Cátedra Emalcsa-UDC.